Arquivo para Xaneiro, 2018

TEMOS RADIO!!

Publicado: 23 Xaneiro 2018 en Para escoitar, Radio
Etiquetas:,

O noso centro foi un dos vinte seleccionados para integrarse durante este curso no proxecto “Radio na biblio”. Unha iniciativa destinada a introducir un laboratorio de radio vinculado á biblioteca escolar en centros que forman parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares. O obxectivo é ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral e a alfabetización múltiple. O que aproveitaremos dende o equipo de normalización, potenciando o uso do galego.

Hoxe tivemos formación para o profesorado, impartida por Javier Prado Espiñeira. A primeira parte consistiu nunha charla sobre o funcionamento da radio e as posibilidades como ferramenta didáctica.

 

E a segunda metade foi máis práctica:
Coa axuda de Javier, montamos o equipo de radio.

Despois formamos equipos para realizar a nosa primeira proba de programa. E foi cando nos demos conta, que iso de ser locutor ou locutora non é tarefa doada…

 

 

convite charla coloquio (1)

Como xa sabedes este ano estreamos laboratorio de primaria. Temos a gran honra de que o vindeiro martes 16 de Xaneiro, ás 18:00h, Ángel Carracedo, virá inaguralo!

Como xurdiu esta charla-coloquio?

Quixemos pórlle un nome ao noso laboratorio e buscabamos un nome dun científic@ galeg@ para o mesmo. Decidimos que o noso laboratorio se chamaría Ángel Carracedo, e pensamos… Terá tempo de vir facernos unha visita? E non só e que veña a facernos unha visita, senón que estades todos convidados a unha charla coloquio que terá lugar no Auditorio de O Rosal ás 18:00h.

Neste acto participaran varios alumn@s do colexio, un representante das familias e un mestre desenvolverá o rol de moderador. Será moi interesante, xa que tanto a súa carreira profesional, como a súa reflexión sobre a escola actual é seguida por moita xente arredor do mundo.

Para quen non o coñeza aquí vos deixamos un vídeo del do programa “Ben Falado”.

 

Sorrisos Trans*formadores

Publicado: 12 Xaneiro 2018 en ELLA
Etiquetas:, ,

A exposición fotográfica Sorrisos Trans*formadores xa se atopa nos andadeiros do colexio e poderá visitarse en horario de 9.00 a 14.00 horas. Permanecerá no centro ata o vindeiro venres, 19 de xaneiro.
Trátase dunha mostra de imaxes de persoas felices que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta, acompañadas dunha frase ou idea que as identifica.

Como xa sabedes o centro ten como tema central de traballo para este curso A MULLER como protagonista, co título “ELLA /ela/”. Pero ademais estamos a participar nun proxecto titulado VIOLENCIA ZERO, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, e co asesoramento da profesora de Belas Artes , Mar Caldas. A última semana do trimestre pasado, foi presentado no auditorio do Rosal ao alumnado de Secundaria.

 

 

En ambos proxectos desexamos dar protagonismo ás mulleres da zona (ou doutras máis afastadas), facer visible o traballo de tantas e tantas científicas, artistas, historiadoras, mestras como houbo ao longo de todas as épocas. As nosas aulas contarán con murais dos rostros de moitas delas, e pasarán a chamarse como as mulleres elexidas para cada caso. E tamén desexamos facer visible, e darlle importancia ás vidas de mulleres da vida cotiá, a mulleres traballadoras, a mulleres que axudan a outras mulleres, a mulleres que levantan o país día a día co seu esforzo e adicación, que teñen postos de responsabilidade ou ben levan vidas máis discretas.

Agora queremos dar un paso máis neste gran proxecto a través da vosa colaboración (mediante audios, vídeos, escritos…) e así poidamos coñecer e dar visibilidade a todas estas mulleres.

A continuación mostrámosvos a primeira entrevista realizada.
A protagonista é Doralia Blanco de San Miguel de Tabagón.