Arquivo para Decembro, 2015

Aquí tedes as bases para participar no concurso. Animádevos que hai que encher o colexio de minipostais para que a nosa lingua goce de boa saúde.

CONCURSO

Os soños para o galego…
… saen da gaiola!

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega pon en marcha unha campaña para visibilizar o apoio ao proceso de normalización da lingua galega da comunidade educativa do CPI Manuel Suárez Marquiel do Rosal.

Así, animados pola forza soñadora dos grandes desexos para o novo ano, queremos provocar unha reflexión esperanzadora sobre a necesidade de fomento da nosa lingua en distintos sectores: na familia, no comercio, no deporte, no tempo libre…na vida cotiá.

Imos montar unha gran gaiola de Nadal, para comezar a celebrar as Letras Galegas 2016 e recordar a obra Os soños na gaiola do poeta Manuel María. Cos nosos mellores desexos para o galego en forma de minipostais, posicionarémonos a prol do fomento da lingua. Coas nosas mensaxes positivas, abrirémoslle a portiña á gaiola do 2016 coa forza do noso gran soño: un galego con futuro.

BASES DO CONCURSO

Os soños para o galego… saen da gaiola!

  1. Convócase un concurso á minipostal de Nadal co desexo ou soño máis esperanzador para a lingua galega.
  2. Poderán participar todos os membros da comunidade educativa do CPI Manuel Suárez Marquier: alumnado, profesorado, familias e persoal non docente. O modelo de minipostal deseñado para a campaña repartirase polas aulas ou poderase pedir en conserxería.
  3. O prazo de presentación das minipostais con desexo ou soño normalizador para a lingua galega remata o 15 de decembro. Deben ser entregadas aos docentes ou en secretaría, co nome completo e a aula indicados por detrás.
  4. As minipostais normalizadoras iranse colgando na nosa particular gaiola dos soños de Nadal, colocada no vestíbulo do centro.
  5. O xurado, designado polo ENDL do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal), valorará a adecuación ao tema proposto e a creatividade na redacción e na presentación.
  6. Outorgaranse catro premios en total, dous na ESO e outros dous en Educación Primaria:

1º premio: super-agasallo sorpresa, medalla e diploma.

2º premio: agasallo sorpresa, medalla e diploma.

3º premio: agasallo sorpresa, medalla e diploma.

4º premio: agasallo sorpresa, medalla e diploma.

O deseño da tarxeta gañadora utilizarase para confeccionar un

marcapáxinas-calendario 2016.

  1. A resolución do concurso farase pública o venres 18 de decembro de 2015.
  2. A participación neste concurso implica a aceptación destas bases.

Equipo De Dinamización Da Lingua Galega

CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal)

Como xa sabedes, o vindeiro ano o Día das Letras Galegas estará adicado ao gran poeta da Terra Cha, Manuel María. Con ese motivo, convidámosvos a participar nos “Soños na gaiola”, un espazo no que poderedes colocar os vosos desexos para o galego. O vindeiro ano debe estar cheo de mensaxes positivas e boas vibracións para a nosa lingua.

Tedes unha gaiola na entrada do cole para que a enchades de reflexións, sentimentos, mensaxes, coplas, poemiñas… todo o que se vos ocorra para animar o galego, dotalo de boa saúde e empuxalo cunha mensaxe de esperanza para os tempos que veñen. O voso apoio é moi importante para que se cumpra  o noso soño e o de Manuel María: un galego con futuro.

DSC_0009DSC_0005

DSC_0007